O Concello sacará unha liña de subvencións para crear eurotaxis na cidade

69

O concelleiro de Mobilidade, Luís Bará mantivo esta mañá un encontro coa asociación Cogami-Amizade e a Asociación de taxistas de Pontevedra para presentarlles a convocatoria de bases de subvención para vehículos adaptados, coñecidos como “eurotaxi”. O obxectivo da reunión era a presentación do borrador da subvención para que os colectivos fixesen suxestións antes de publicala.

O concelleiro Luís Bará explicou que a dotación inicial da partida da subvención é de 10.000 euros, cunha contía máxima de 5.000 euros por axuda. Aínda que esta partida puidera parecer escasa, a propia asociación de taxistas indicou que crían que non serían moitos os condutores os que se acollesen a esta liña. De cara a futuras convocatorias está previsto ampliar o crédito no caso de ser preciso.

Poderán optar a esta axuda aqueles taxis adaptados dende xaneiro de 2014 ou ben aqueles que adquiran un novo vehículo. De feito, un dos principais interesados poderán ser os taxistas que teñan que cambiar o seu vehículo este ano.

As solicitudes serán valoradas por orde de entrada e unha vez concedida os adxudicatarios terán un prazo de seis meses para introducir as novidades.

No caso de non concorrer ningún interesado, dado que o Concello ten a obriga de ter no ano 2017 un 5% de taxis adaptados, podería sacar novas licenzas para taxis adaptados.

Luís Bará indicou que existe un acordo plenario para pór en marcha esta liña de subvencións, e o propio Goberno Local tamén está interesado porque é a única maneira de que os taxistas poidan custear a adaptación dos seus vehículos porque son sistemas moi custosos.