A piques de recibir os tres falsos túneles de Adif na cidade e a Ponte de Monte Porreiro cidade

68

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos tratará este martes, 2 de febreiro, as cesións de distintas propiedades de Adif na cidade de Pontevedra ao Concello, en concreto, as concesións sobre os falsos túneles de Médico Ballina, A Seca, Doce de Novembro e a da vella ponte do ferrocarril en Monte Porreiro.

Logo de dar conta, o propósito do presidente da Comisión e responsábel de Obras urbanas, Luís Bará é aprobar os convenios que xa obran no Concello nunha próxima Xunta de Goberno xa que o Concello ten interese en incorporar estes espazos para ampliar os ámbitos de lecer dos cidadáns e resolver algúns problemas de mobilidade peonil e ciclista nestes ámbitos, ademais de darlles un adecuado mantemento.

Estas cesións son froito das conversas que veñen mantendo o Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ante a petición do consistorio pontevedrés de empregar estes espazos como espazo libre e tránsito ciclista, así como a incorporación destes espazos ao viario municipal no caso de que estean atravesados por unha vía municipal.

Estas cesións serán reguladas como unha concesión administrativa por un prazo de 75 anos e sen pago de canon algún. Durante este tempo o Concello de Pontevedra poderá empregar os falsos túneles como espazo libre para parques ou xardíns de uso recreativo e tránsito peonil, así como para a circulación de bicicletas. Queda vetado o tránsito de vehículos, agás naqueles puntos que estes espazos estean atravesados por viarios municipais.

No ámbito do falso túnel da Seca a cesión é de 8.328,7 metros cadrados, onde se atopa un falso túnel de 214 metros lonxitudinais.

No ámbito de Médico Ballina a superficie da cesión é de 2.681,8 metros cadrados onde se construíu un falso túnel de 126 metros lonxitudinais. O Concello xa anunciara o propósito de instalar neste espazo un parque infantil moi demandado polos veciños de Lérez.

Na rúa Doce de Novembro, a superficie que se cederá é de 8.950,1 metros cadrados e o falso túnel construído 315 metros lonxitudinais, dos cales 128,5 xa existían previamente. Na nova parte do falso túnel o Concello ten previsión de recuperalo para uso de lecer dos veciños da zona, así como para mellorar a mobilidade peonil neste ámbito onde os circuítos peonís están moi limitados.

No tocante á ponte de Monte Porreiro, a concesión será de 8.505,4 metros cadrados, dos cales 116 metros corresponden á ponte sobre o río, formada por tres arcos de formigón con taboleiro superior que ten unha sección de 6 metros de ancho, con pasarelas metálicas de 60 cm de ancho suxeitas en voadizo a ambos laterais do taboleiro.

O Concello de Pontevedra pretende recuperar esta ponte, acondicionala e urbanizala para transformala nun viario de comunicación peonil e tránsito ciclista, quedando vetado ao tránsito de vehículos a motor.

Planos do ámbito das concesións: