Máis de 40 actividades municipais complementarias para este curso

86

A Concellaría de Educación elaborou neste curso un catálogo con toda a oferta educativa municipal para informar a todos os centros de ensino de Primaria e Secundaria

O propósito era crear un programa de actividades e un calendario a disposición dos colexios de tal xeito que eles puidesen escoller os actos que quixesen segundo os seus obxectivos docentes do curso e tamén facer unha axenda escolar destas actividades complementarias que oferta o Concello.

Por vez primeira, a Concellaría de Educación puxo de acordo a máis dunha ducia de departamentos do Concello que ofertan actividades, e renova esta proposta trimestralmente –comezou no primeiro trimestre-, incorporando novas iniciativas dos departamentos a medida que se van elaborando.

A oferta que se remitiu aos centros para o presente trimestre acolle 43 programas distintos de diferentes departamentos, dende a propia Educación á Normalización Lingüística, Medio Ambiente Natural, Prevención de Condutas Adictivas, Voluntariado, Patrimonio Histórico, Turismo, Policía (Educación viaria), Bombeiros (concurso de debuxos)… Leva incorporada un calendario cos meses que se imparten as actividades e tamén unha descrición de cada unha das propostas.

O obxectivo desta iniciativa, ademais de ordenar o catálogo municipal de actividades educativas, é crear unha base estatística para coñecer a implantación destas actividades nos centros de ensino.

Educacion. Programa de actividades