A cesión dos túneles de Adif abre as portas á mellora do tránsito peonil e ciclista e a novos espazos de lecer

90

As cesións de distintas propiedades de Adif na cidade de Pontevedra ao Concello, en concreto, ocupou boa parte da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. Trátase das concesións sobre os falsos túneles de Médico Ballina, A Seca, Doce de Novembro e a da vella ponte do ferrocarril en Monte Porreiro, máis de 20.000 metros que servirán para resolver necesidades de tránsito peonil e ciclistaA nestas zonas e demandas veciñais de espazos públicos e de lecer.

Estas cesións serán reguladas como unha concesión administrativa por un prazo de 75 anos e sen pago de canon algún. Durante este tempo o Concello de Pontevedra poderá empregar os falsos túneles como espazo libre para parques ou xardíns de uso recreativo e tránsito peonil, así como para a circulación de bicicletas. Queda vetado o tránsito de vehículos, agás naqueles puntos que estes espazos estean atravesados por viarios municipais.

Están previstas, e consensuadas cos veciños e veciñas, actuacións en todos estes espazos pero priorizaranse para este 2016 a resolución do tránsito peonil na zona de 12 de novembro (estase a avaliar a creación dun espazo para patinar) e o equipamento de lecer (parque infantil, espazo polivalente e zona verde) de Médico Ballina.

No ámbito do falso túnel da Seca a cesión é de 8.328,7 metros cadrados, onde se atopa un falso túnel de 214 metros lonxitudinais.

No ámbito de Médico Ballina a superficie da cesión é de 2.681,8 metros cadrados onde se construíu un falso túnel de 126 metros lonxitudinais. O Concello xa anunciara o propósito de instalar neste espazo un parque infantil moi demandado polos veciños de Lérez.

Na rúa Doce de Novembro, a superficie que se cederá é de 8.950,1 metros cadrados e o falso túnel construído 315 metros lonxitudinais, dos cales 128,5 xa existían previamente. Na nova parte do falso túnel o Concello ten previsión de recuperalo para uso de lecer dos veciños da zona, así como para mellorar a mobilidade peonil neste ámbito onde os circuítos peonís están moi limitados.

Na comisión de Mobilidade fíxose un repaso das obras urbanas en marcha e o presidente, Luís Bará, convidou a todos os grupos a facer unha visita cos técnicos ás obras de Pasarón, no Burgo, o próximo venres.