Composteiros comunitarios para Campañó e Monte Porreiro

86

O Concello se Pontevedra presenta dous proxectos de composteiros comunitarios ao Plan compost revitaliza que promove a Deputación Provincial, un para a parroquia de Campañó e outro para o barrio de Monte Porreiro, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Carme da Silva que subliñou que é unha demanda veciñal directa a que está detrás das iniciativas.

No caso de Campañó, o composteiro comunitario situaríase na contorna do centro social de Cabaleiro e daría servizo aos restaurantes da zona, un viveiro de plantas e frores, ao cemiterio (aportará material orgánico vexetal) e a máis a unha vivenda. A iniciativa xurde nunha parroquia cunha veciñanza que expuxo a súa aposta polos composteiros individuais.

Nesta iniciata hosteleiros, comunidade de montes e Concello van da man

Pola súa banda no barrio urbano de Monte Porreiro a veciñanza demanda dous composteiros individuais que irían nas rúas Alemaña (preto da casa da cultura) e Italia (preto do Froiz).

Un total de 283 residentes ademais de 18 establecementos comerciais expresaron o seu compromiso coa instalación, que neste caso tamén terá unha forte compoñente educativa xa que a composta que produza irá para as hortas urbanas e escolares que hai no barrio.

Nos dous casos o Concello ocuparase de construír os accesos e as instalacións dos composteiros e tamén enviará a eles os restos das podas dos xardíns da cidade. Ambas iniciativas fanse ao marxe da futura construción dunha planta de compostaxe municipal na parroquia da Canicouva.