Comezan a reparar a zona verde entre as avenidas da Estación e Josefina Arruti

61

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe o proxecto de remodelación e recuperación da zona verde situada na rotonda de entronque das avenidas da Estación e Josefina Arruti (onde se atopaba o centro de arte Jaime Trigo). Trátase dun espazo que estaba en moi mal estado de conservación xa que presenta afundimentos nas beirarrúas e a zona verde moi degradada.

O proxecto contempla refacer a beirarrúa pegada ao edificio, e intervir na zona verde creando sendas con madeira e xabre, onde se instalará mobiliario urbano como papeleiras e bancos.

Tamén se plantarán novas especies como setos, cipreses, hibiscos, arces, entre outros, ademais de céspede e iluminación.

Trátase dunha actuación pequena pero que vai a mellorar a imaxe deste espazo, así como a seguranza e accesibilidade dos peóns, e ofrecerá máis comodidade aos veciños. Ademais, tamén permitirá rematar a gran actuación realizada neste entorno coa apertura da avenida Josefina Arruti.