A cidade participará en Guimarães nun Coloquio internacional sobre os nenos

97

O Concello de Pontevedra foi convidado esta mañá a participar no Coloquio internacional Crianças, cidade e cidadania que se celebrará na cidade de Guimarães os vindeiros 17 e 18 de marzo organizado pola Câmara Municipal de Guimarães e a Universidade do Minho.

O alcalde e a concelleira de Educación, Carmen Fouces reuníronse esta mañá cos organizadores do coloquio internacional que se achegaron a Pontevedra a pedir a participación do Concello cunha conferencia na que se explique o modelo de cidade como dinamizador da autonomía dos nenos, como modelo inclusivo que permite un desenvolvemento da infancia.

Este coloquio internacional pretende expor a reflexión teórica e a experiencia práctica sobre as condicións de vida e as formas de participación dos nenos na cidade. Contará con conferencias de investigadores internacionais que estudan as relacións entre os nenos e a cidade; mesas redondas sobre aspectos de investigación e de intervención urbana, e contará con sesións paralelas de comunicacións, sometidas á arbitraxe científica. Tamén está prevista a participación de nenos.

O coloquio é unha iniciativa do proxecto Carta da Cidadania Infantojuvenil, promovida pola Asociación para o desenvolvemento das comunidades locais en colaboración coa Câmara municipal de Guimarães e a Comisión de Protección dos nenos e mozos, e financiado pola Fundación Calouste Gulbenkian, e é organizado e dirixido aínda pola Universidade de Minho, a través do Centro de Investigación en Estudos de Criança e do Departamento de Ciencias Sociais da Educación.