A Comisión de Mobilidade comproba o bo ritmo das obras da parcela de Pasarón e do carril-bici da avenida de Compostela

56

Membros da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos visitaron esta mañá o desenvolvemento do proxecto de recuperación da parcela de Pasarón e tamén a continuidade do carril-bici da avenida de Compostela cara o campus universitario. Neste último proxecto, os membros da Comisión estiveron acompañados polo vicerreitor do Campus de Pontevedra.

Os técnicos municipais e os responsables das empresas adxudicatarias das obras explicaron que os traballos -en ambos casos- desenvólvense a bo ritmo. No caso de Pasarón as obras poderán estar rematadas ao longo de marzo, e o carril-bici cara o campus habilitado neste mes.

Cabe lembrar que a rehabilitación da parcela ten un custe de 169.228 euros e a empresa que a executa é Ediserpo, que ofertou como melloras a reposición do pavimento no cruzamento coa rúa Luís Otero e a pavimentación do camiño da pé que pasa por detrás da grada sur do campo de fútbol.

A parcela ten unha superficie de 3.486 metros cadrados na que se está actuar para resolver problemas de estética xeral porque non é o acceso máis acaído para o campo; tamén se están a atallar problemas de accesibilidade; seguranza para crear un espazo onde se sitúen os vehículos de emerxencia necesarios para cando se celebra unha competición deportiva no campo; e crear, tamén, un espazo polivalente.

A obra ten tres ámbitos de actuación:

  • A creación dunha plataforma de cinco metros de ancho, máis próxima á grada para facilitar o acceso das persoas ao campo. Ten unha rampla de acceso cunha pendente dun 8% dende a rúa Luís Otero. Esta é unha zona con diferentes cotas de altura. Irá pechada cun muro de formigón cunha altura variable, de arredor 1,5 metros.
  • Unha zona central de estacionamento dos vehículos de emerxencia nos días de encontros deportivos. Nos días nos que non haxa competición, o estacionamento será libre. O acceso a esta parte será pola rúa Luís Otero e tamén pola avenida da Coruña, aínda que non polo acceso actual, senón un pouco máis abaixo.
  • Unha última será unha zona verde de 1.200 metros cadrados que percorre toda a parcela, dende a rúa Luís Otero até a avenida da Coruña.

A actuación completarase con céspede, rego automático, e soterrarase unha liña telefónica que existe na actualidade. Tamén se eliminará o peche de rede actual e xa está encintado o muro de pedra.

Carril-bici cara o campus

Proxecto carril biciOs membros da Comisión tamén visitaron as obras que o Concello executa na avenida de Compostela e Alexandre Bóveda para continuar o carril-bici que atravesa o parque de Rosalía de Castro (fronte a avenida de Compostela), cara a rúa Celso Emilio Ferreiro, atravesando o paso de peóns da rúa Alexandre Bóveda, e gañando algo de espazo ao carril de acceso dende esta rúa cara Celso Emilio Ferreiro.

Este carril-bici atravesará cara a zona verde que a Universidade ten na rúa Celso Emilio Ferreiro, e a partir dese punto o proxecto é asumido pola Universidade de Vigo que o levará cara unha das vías do campus no lateral da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O obxectivo desta obra é completar o carril-bici da avenida de Compostela que está sendo moi empregado polos usuarios de todos os centros de ensino situados na Xunqueira, e primar a mobilidade ciclista nestes espazos.

O custe da obra, que será asumido ao 50% por ambas institucións, é de 120.000 euros.