Bota a andar “Son de Orquestra”, 4 concertos da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra entre febreiro e maio no Principal

44

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou esta mañá o novo proxecto que completará a xa por si ampla programación cultural do Pazo da Cultura e Teatro Principal. “Son de Orquestra” é o nome deste ciclo de 4 concertos que terán lugar entre febreiro e maio o terceiro mércores de cada mes. O escenario escollido será o do Teatro Principal e a protagonista, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Tal e como comentou a concelleira “a implicación da Orquestra foi total, as súas ganas de traballar e bo facer que xa amosaron en anteriores colaboracións. Teñen un gran compromiso co que fan e para conseguir novos públicos. Tiñamos todos moita gana de que estivera presente de xeito estable na programación do 1º semestre”.

Pola súa banda, o Presidente da agrupación musical, Ignacio García amosou a súa ledicia ao ver cumprido un proxecto que tiñan en mente hai anos. “Fixemos varios traballos para a cidade: Concertos en Familia, Salón do Libro e o Concerto de Aninovo que tan boa acollida ten, pero precisábamos organizar un ciclo de música sinfónica e achegala á xente. Dentro do programa, cabe destacar a presencia entre outros do director convidado recentemente galardoado, Diego Martín Etxebarría e a mezzosoprano pontevedresa Nuria Lorenzo, pero como ben comentou Nacho: “o traballo de búsqueda de directores, músicos, etc plásmase hoxe aquí, e é un traballo que pagou a pena. Animamos á xente a vir porque é música en directo, que ten algo especial”

O traballado programa non se limita só aos concertos, senón que, como valor engandido e de xeito previo a cada un deles, ás 20 horas, terá lugar unha charla previa co director, os solistas etc que desglosarán o programa, comentarán sobre as obras, predispoñendo ao público para a posterior escoita do concerto.

Para Javier Morgade, Vicepresidente agora pero presidente durante anos, cúmprese a máxima “Cada un ten o que se merece. E nós, merecíamos algo así”.

Em 2016 hai 10 anos que empezaron a ensaiar, e, tal e como comenta Morgade, comenzaron a falar varios músicos ante a falta de algo así na cidade. “Non había nada estable, todas as orquestras eran de fora e tocaban puntualmente. Calquera orquestra que queira ofrecer unha programación digna, como é o noso caso, precisa estabilidade. Un ciclo como este axuda aos músicos a manter viva a ilusión, a ir  traballar e ensaiar, E é tamén unha boa nova para a xente de Pontevedra, que sabe que o 3º mércores do més, ten á OFCP en directo.

A súa intención coa creación deste ciclo é atraer novos públicos e posteriormente consolidalos. Para ese fin, e pese a que en anteriores traballos teñen presentado obras de compositores de aqui, de Portugal, etc. buscan que no programa de cada un dos 4 concertos haxa unha obra coñecida e identificable: A Sinfonía do novo mundo no 1º concerto, a 5ª sinfonía de Tchaicovsky e Beethoven no 2º e 3º concerto respectivamente. Como comentan, aínda que semelle sorprendente, “ás veces é moi complicado poder escoitar algunha destas pezas en directo, sen nada pregravado e o acceso que temos dende aqui é limitado: hai que ir a Vigo, A Coruña…”

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, que cumprirá 10 anos de concertos no 2017, está composta por entre 50 e 60 músicos de aquí. O 90% estudaron no Conservatorio Manuel Quiroga aínda que alguns están a rematar en Vigo ou incluso fora de Galicia. Tal e como destaca Ignacio “un dos obxectivos da fundación da orquestra e da creación deste tipo de ciclos é que esta xente que estuda, experimente o que é o traballo en grupo, poder traballar logo en orquestras profesionais, pero coller a base aqui”.

As entradas soltas a un prezo de 10€ ou en forma de abono para os 4 concertos a un prezo de 30€ están xa á venda en Ataquilla.com e, tal e como comentou Morgade, son un agasallo xenial para o 14 de febreiro.

No caso de non esgotarse, estarán á venda 1h. antes do inicio do concerto.