O Local de Música convoca o concurso FEST, unha aposta polos novos grupos

54

O Local de Música,vencellado á Concellería de Xuventude, organiza o concurso FEST para promover a escena musical emerxente. Busca poñer en valor a creación musical de base organizando un evento nun espazo emblemático da cidade como é o Teatro Principal.

O concurso consiste nun concerto que se celebrará o 19 de marzo de 2016 no Teatro Principal. Oito grupos seleccionados previamente por un xurado cualificado e representativo, farán unha actuación breve para mostrar o seu espectáculo. Un xurado concederá un dos premios que consiste na gravación dun videoclip cunha produtora audiovisual. O público asistente votará e concederá outro premio, que consistirá nunha actuación remunerada na cidade.

O festival pecharase cunha actuación dun grupo convidado.

Poderán participar todas aquelas bandas ou solistas con compoñentes con idades comprendidas entre os 16 e 35 anos que non teñan, no momento da inscrición, ningunha publicación cun selo discográfico.

A inscrición será totalmente GRATUÍTA e farase unicamente desde un formulario online no web do Local de Música http://localdemusicapontevedra.nos.gl  As datas para a recollida de inscricións será entre o 1 de febreiro ao 29 de febreiro de 2016 ás 22:00h.

BASES FEST_2016