Magnolios, música e poesía para inaugurar o parque Amalia Álvarez

152

Un novo espazo de lecer -preto de 3.000 metros cadrados da unidade de actuación 18- levará a partir do mércores, 10 de febreiro, coincidindo co aniversario do seu nacemento, o nome de Amalia Álvarez, a viúva do asasinalo Alexandre Bóveda, unha das tantas mulleres que padeceron e resistiron á represión franquista e o escarnio social durante décadas ao tempo que foron quen de sacar adiante as súas familias gardar a memoria dos seus, a memoria de todos e todas.

O nomeamento do novo parque será ás 13.00 horas e farase cun acto no que plantaranse magnolios, os preferidos de Amalia e haberá música e poesía. Entregarase aos asistentes un tríptico sobre Amalia Álvarez. A familia estará presente e o Concello fai un chamamento á veciñanza para que se asistan ao acto.

O novo espazo de lecer, idóneo tamén para a realización de actividades culturais, “e un espazo urbano de máxima dignidade” subliña o concelleiro de Patrimonio Histórico e promotor do programa A memoria das mulleres, Luís Bará, quen define a Amalia Álvarez como unha “muller coraxe” con cinco fillos -a última nacida despois do pasamento do seu home-, que protagonizou actos de resistencia e compromiso na súa vida privada e puido recoller na recta final da súa vida a Medalla de Ouro e recoñecemento como Fillo Adoptivo outorgada ao seu home, Alexandre Bóveda, polo Concello de Pontevedra.

A parcela, reconvertida en espazo público de lecer, que levará o nome de Amalia Álvarez ocupa unha peza central de 2.000 metros cadrados complementada até 3.000 por espazos axardinados e camiños de permeabilización o que permite que estea ben comunicada coas rúas Filgueira Valverde e Poza dos Canos. Na estrema con Filgueira Valverde plantáronse xacarandás, así como liquidámbar alternativos con parterres de céspede para tapar a medianeira dos edificios que teñen fachada a Joaquín Costa, e pechando a parcela no lado oposto a Filgueira Valverde. Nun dos estremos da parcela plantáronse acacias de tres espiñas, e tamén nos pequenos xardíns da parte enlousada.