O Concello acepta a cesión dos tres falsos túneles de Adif no casco urbano

84

A Xunta de Goberno Local  acordou esta mañá a aceptación das tres parcelas que Adif cederá ao Concello de Pontevedra por 75 anos para uso de lecer e recreativo, e resolver algúns problemas de mobilidade peonil e ciclista nestes ámbitos, ademais de darlles un adecuado mantemento. Son os falsos túneles de Médico Ballina, A Seca e Doce de Novembro.

Estas cesións son froito das conversas que veñen mantendo o Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ante a petición do consistorio pontevedrés de empregar estes espazos como espazo libre e tránsito ciclista, así como a incorporación destes espazos ao viario municipal no caso de que estean atravesados por unha vía municipal.

Estas cesións serán reguladas como unha concesión administrativa por un prazo de 75 anos e sen pago de canon algún. Durante este tempo o Concello de Pontevedra poderá empregar os falsos túneles como espazo libre para parques ou xardíns de uso recreativo e tránsito peonil, así como para a circulación de bicicletas. Queda vetado o tránsito de vehículos, agás naqueles puntos que estes espazos estean atravesados por viarios municipais.

No ámbito do falso túnel da Seca, a cesión é de 8.328,7 metros cadrados, onde se atopa un falso túnel de 214 metros.

No ámbito de Médico Ballina a superficie da cesión é de 2.681,8 metros cadrados onde se construíu un falso túnel de 126 metros. O Concello xa anunciara o propósito de instalar neste espazo un parque infantil moi demandado polos veciños de Lérez.

Na rúa Doce de Novembro, a superficie que se cederá é de 8.950,1 metros cadrados e o falso túnel construído 315 metros lonxitudinais, dos cales 128,5 xa existían previamente. Na nova parte do falso túnel o Concello ten previsión de recuperalo para uso de lecer dos veciños da zona, así como para mellorar a mobilidade peonil neste ámbito onde os circuítos peonís están moi limitados.