O Concello e Sanidade achegan posturas sobre o futuro das infraestruturas sanitarias en Pontevedra

68

“A impresión xeral é que hai unha actitude máis receptiva e dialogante do conselleiro”. Esta foi a conclusión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores logo da reunión que mantivo esta mañá co conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña en Santiago sobre o futuro da área sanitaria de Pontevedra e o futuro do proxectado hospital Monte Carrasco. Con eles estiveron o concelleiro de infraestruturas de Pontevedra, César Mosquera e o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa.

“Ten a posición de que hai que escoitar aos axentes da área sanitaria e repensar certas cousas”, explicaba o alcalde, quen lle manifestou o posicionamento do Goberno local de Pontevedra:

  • Rexeitar Monte Carrasco
  • Invertir na área sanitaria  porque corre o risco de quedar obsoleta
  • Ampliar Montecelo de xeito coherente acorde ás necesidades actuais dunha área sanitaria como a de Pontevedra
  • Manter os usos sanitarios do Hospital Provincial, que ten moitas necesidades.

“El non descartou nada, pero tampouco dixo que desbotaba Monte Carrasco”, afirmou Lores quen apostillou que o conselleiro actúa “prudentemente porque terá que consultar certas decisións co seu partido, co presidente da Xunta, con certos sectores afectados e estudar o tema”.

“Lévome unha impresión positiva, porque hai un cambio do posicionamento sobre Monte Carrasco, que é como dicir, non queremos facer nada en Pontevedra: Pomos Monte Carrasco, e mentres non facemos nada”, concluíu o alcalde

Ademais tamén abordaron outros asuntos menores como a mellora da seguranza viaria diante do Hospital Montecelo, así como a ampliación da praza diante do Hospital Provincial co que o Concello e a Consellería están dispostos a asinar convenios para mellorar estes ámbitos.