Benestar Social e Rexurdir crearán un centro de día para persoas sen fogar na cidade

104

A Concellaría de Benestar Social Municipal en colaboración coa asociación Rexudir, porá en marcha un centro de día para as persoas sen fogar no concello de Pontevedra. A concelleira responsábel do departamento, Carmen Fouces explicou que durante a noite este colectivo non ten demasiados problemas dado que existen dous albergues na cidade que dan cumprida conta da demanda deste servizo, e no caso de condicións meteorolóxicas extremas, o Concello habilita un concerto con hostales da cidade para aloxar aos indixentes.

Pero si está detectado un problema durante o día, que palía as instalacións de Rexudir na rúa Cruz Vermella, pero que agora o Concello quere completar con outros servizos.

Trátase de alugar un baixo na cidade -ben ampliar o propio de Rexudir, ou ben alugar un máis grande- que ofreza duchas, baño, roupeiro, lavandería, unha pequena cociña, sala de lectura, de estar… para dar cobixo durante o día aos indixentes. Ademais disporán de asesoramento xurídico porque en moitos casos son persoas con condutas adictivas que rematan en procesos xudiciais; tamén educadores sociais, en concreto, educadores de rúa co obxectivo de detectar aqueles casos de persoas que queiran deixar este estilo de vida e poder incorporalos á sociedade; e apoio psicolóxico.

Aínda que a situación do baixo aínda está por determinar, a Concellaría pretende que sexa máis amplo que o de Rexurdir. O Concello conveniaría con esta asociación para que se faga cargo do mantemento desta instalación a través dunha subvención de 15.000 euros anuais, que poderá incrementar co paso dos anos.

Na actualidade están na rúa arredor de 30 persoas (cos transeúntes incluídos) e arredor de 15-18 os que están fixos en  Pontevedra.

A concelleira, Carmen Fouces confía en que esta instalación estea operativa no prazo de dous meses.