O Concello licita o saneamento 
na N-541 entre Mourente e Bora

101

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio da licitación do proxecto de saneamento da parroquia de Mourente e Bora nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós (todos eles en Mourente) e Leirados (Bora), arredor de cinco quilómetros  de tubaxes seguindo a estrada de Ourense N-541 entre os quilómetros 88, 89 e 90, para dar servizo a 160 vivendas. O proxecto está valorado en 987.982,53 euros e ten un prazo de execución de 9 meses.

O proxecto recolle as obras necesarias para conducir as augas vertidas nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados na parroquia de Mourente, as súas conexións coa rede existente ata facelas chegar á planta depuradora situada en Praceres. Son 5.000 metros lineais de tubaxes, á que se sumará unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense. Será a instalación de tubos de 400 mm cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

Con este proxecto a parroquia de Mourente tería practicamente completo o saneamento, e viríase a sumar ao 83% do rural pontevedrés que xa dispón de alcantarillado, especialmente todas aquelas parroquias e núcleos próximos ao centro urbano: Lérez, Marcón, Tomeza, Lourizán, Salcedo e Mourente.

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, o proxecto inclúe a posibilidade de realizar dúas melloras: a instalación da rede de abastecemento neste ámbito, e tamén completar o saneamento ao núcleo de Leirados.

Raimundo González explicou que a previsión do Goberno Local é que este proxecto estea rematado este ano.