O Concello comprará os terreos para construír o campo de fútbol de Salcedo

107

Veciños, SCD Salcedo e Concello camiñan da man no proxecto de construción dun campo de fútbol de herba sintética en Salcedo. Trátase dun equipamento da futura rede de campos do municipio e axustaríase á filosofía promovida polo goberno local de dotar de servizos a todos os veciños e veciñas do municipio e de descentralizar as instalacións comunitarias de tal xeito que no só a veciñanza do rural teña que achegarse ao casco urbano para adestrar ou dispor de equipamentos deportivos, culturais o sociais se non que os veciños do centro vaian até as parroquias co mesmo fin.

A instalación deportiva ocupará, se o proxecto chega a bo fin, arredor de 14.500 metros cadrados, ao lado do CEIP Cabanas e o pavillón deportivo, reforzando o chamado núcleo de centralidade de Salcedo. Estes terreos son privados e pertencen a 26 propietarios distintos. O feito engade complexidade á tramitación do proxecto, recoñece o concelleiro delegado de Salcedo, Demetrio Gómez quen reuniuse onte co Consello parroquial para falar do tema.

A multi propiedade e as esixencias de Patrimonio – hai que acreditar que non hai petroglifos ou vestixios arqueolóxicos no perímetro- alongarán a tramitación do proxecto de campo de fútbol. Ademais o Concello pon dous requisitos “sine qua non” para seguir adiante: un informe arqueolóxico que certifique a inexistencia de patrimonio susceptíbel de ser catalogado e o compromiso dos propietarios de facer a venta todos o mesmo día.

A SCD Salcedo presentou o pasado 26 de xaneiro no rexistro do Concello o compromiso firmado por cada un dos propietarios – agás dous con parcelas moi pequenas- de vender as propiedades para o campo de fútbol.

Se non hai imprevistos, Demetrio Gómez estima que os terreos poderán estar en mans do Concello na recta final do ano. Os terreos teñen un custe aproximado de 180.000 euros.O campo sería unha realidade no 2017.

Antes de chegar a adquisición dos terreos, no Consello parroquial de Salcedo o concelleiro Demetrio Gómez comprometeuse a dar os seguintes pasos:

. Dirixirse aos propietarios para pedirlles permiso para entrar nos terreos co fin de facer a escavación arqueolóxica e medir ben as parcelas xa que hai discrepancias co Catastro.

. Convocar unha reunión con todos eles para facerlle unha oferta económica e comprobar que toda a documentación é correcta.

. Nova reunión para coñecer a resposta dos propietarios e si hai acordo fixar unha data para ir todos xuntos ao notario e facer a venta.

Terreos do campo de Salcedo