Sete equipos (62 alumn@s) competirán no Club de Debate, zona Pontevedra

93

O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro sábado 20 de febreiro, desde as 10 da mañá e ao longo de todo o día, a primeira fase de zona do Club de Debate. Participarán sete equipos, en total 62 estudantes de 3o e 4o de ESO e 1o de Bacharelato dos IES Luís Seoane, Valle Inclán, No 1 do Carballiño, Poio, Ponte Caldelas e do IES Sánchez Cantón, que inscribiu dous equipos.

Cada equipo participará en dous debates; nun defenderán argumentos a favor e noutro argumentos en contra do tema Nacer muller é vivir en desigualdade.

O Club de Debate é un programa que organizan o Concello de Pontevedra e dez concellos máis, a través das concellarías de Normalización Lingüística co fin de promover o uso da lingua galega entre a mocidade. Este ano, o Concello de Pontevedra e o Concello do Carballiño colaboran na organización da fase eliminatoria que se desenvolverá na nosa cidade.

O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá un vale de 500 euros para mercar libros e/ ou banda deseñada en galego, un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao para ter exposto no IES ata o vindeiro Club de Debate) e o acceso á final. O segundo clasificado recibirá un vale de 300 euros para mercar libros e/ou banda deseñada en galego e o acceso á final.

Na final en Pontevedra participarán equipos de dez dos once concellos organizadores, que se agrupan en catro zonas clasificatorias. A primeira será este sábado, entre Pontevedra e O Carballiño. Seguirán a eliminatoria da Coruña; a de Carballo, Ferrol e Narón e rematará coa de Ames, Negreira, e Teo. Os dous equipos mellor clasificados en cada unha destas eliminatorias participarán na final en Pontevedra, o sábado 30 de abril, co tema En galego hai un mundo de cousas boas.

Os obxectivos do Club de Debate son: favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

Equipos que debaterán o sábado 20 en Pontevedra (fase de zona): IES Luis Seoane, IES No 1 do Carballiño, IES de Poio, IES de Ponte Caldelas, IES Sánchez Cantón (A), IES Sánchez Cantón (B) e IES Valle Inclán.