A Federación Española de Taekwondo premia a Pontevedra polo apoio a este deporte

80

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, recolleu en Madrid un novo premio para a cidade, outorgado neste caso pola Real Federación Española de Taekwondo.Trátase do Premio nacional á dirección xeral de deportes ou organismo oficial que máis colaborou co taekwondo no 2015, ano no que se celebrou o Open de España de taekwondo en Pontevedra.

A entrega foi no transcurso da Gala Premios Nacionais 2015, no Salón Goyneche do Comité Olímpico Español (COE).

“É un novo premio que constata a aposta que fai Pontevedra polo deporte, neste caso do deporte de competición e élite” subliña o alcalde. Pontevedra, engade, vai máis alá e aposta “polo deporte en todos os eidos: olímpico, de base, organización de eventos internacionais… unha aposta que contribúe a dinamización da cidade e que ten que ver moito co seu modelo urbano, recoñecido internacionalmente, entre outras cousas por definir unha cidade saudábel, accesíbel e pensado para as persoas”.

Pontevedra é a provincia que ten máis deportistas e clubs de taekwondo e algúns tan importantes como o Mace Sport, con sede na cidade e que conta entre os seus moitos galardóns o Premio Nacional de Promoción do Taekwondo.