Polo Correo do Vento, actividades para nen@s que poñen en valor o noso

112

Polo Correo do Vento foi o protagonista da nova presentación de empresas vencelladas ao programa Pontevedra ten un Puntazo, que promoven as  concellerías de Promoción da Cidade e de Cultura. Trátase dun colectivo especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos.

Anxos Riveiro, concelleira de Cultura, destacou o compromiso de Polo Correo do Vento cunha lingua tan rica coma a nosa, así coma co entorno: a cidade, a natureza e até os bechos tan protagonistas nas súas historias. Quixo agradecerlles o “seu papel na formación dunha xeración mellor grazas as súas historias e o seu labor de educación a nenos e nenas na nosa cidade e en toda Galiza”.

Neste eido, Polo Correo do Vento xa ten feito un longo percorrido, en multitude de centros de ensino, bibliotecas, museos, Feiras do Libro, librarías e centros socioculturais, dende a aparición dos sete libros da colección do mesmo nome, publicada por Edicións Xerais a partir do ano 2008.

Kike Mauricio e Carlos Taboada, creadores deste proxecto, foron os encargados de achegarnos á súa traxectoria, orixe, filosofía e as súas próximas aventuras empresariais. A súa empresa xurdiu entre as pedras da Praza da Verdura polo que manifestaron sentirse coma na casa realizando esta presentación na Casa da Luz. Polo Correo do Vento xorde da admiración de ámbolos dous creadores por Luis Seoane e pola súa frase “quero enriquecer o mundo coa nosa diferenza”. Así as súas obras buscan por en valor o noso nunha perspectiva global; xa que a cultura galega é universal e “permítenos chegar até onde queiramos”.

Ademais afirmaron que estamos nun momento económico complicado pero “nós xa nacemos coa crise en 2007 e estamos seguros de que sairemos adiante como fixeron os nosos devanceiros en situacións máis difíciles”.

Entre os seus proxectos de futuro está a creación dunha serie de publicacións de banda deseñada para adultos onde continúe a estar presente a súa filosofía de orixe: contar historias que poñan en valor a historia de Galiza, dos nosos devanceiros, do noso presente e do noso futuro.