Ponte un reto, deporte extremo e solidariedade coa ELA

109

Comezaron cun reto: deixar de lado a vida sedentaria e facer deporte. Fixeron unha elección: a bicicleta e con esta filosofía de pano de fondo enfróntanse este ano 2016 a dúas probas deportivas de dureza extrema: o Titan Desert e a Powerade Madrid-Lisboa. “Ponte un reto” xuntou a un grupo de amigos que comparten a súa orixe, son de Pontevedra, e un soño, progresar na actividade deportiva, pouco a pouco, sempre adiante.

O obxectivo a acadar polos membros de “Ponte un reto” nas dúas probas é chegar ao fin pois como subliñan non son deportistas de elite, só afeccionados. No Titan Desert teñen por diante percorrer 600 quilómetros por Marruecos, en seis etapas, nunhas condicións climatolóxicas moi variables e adversas; ao longo dunha orografía moi complicada e guiados por GPS. No caso da Madrid-Lisboa o reto é a continuidade pois teñen que pedalear día e noite. Neste caso os seus dous equipos, de catro participantes, competirán con relevos.

Porén o seu proxecto ten dous eixos: o deportivo e o solidario. Neste caso a súa solidariedade está con os enfermos de ELA e para eles irá destinado unha porcentaxe dos patrocinios que acaden, dos cartos obtidos pola venta de sudaderas, camisetas, complementos de bicicleta… e tamén abrirán unha conta solidaria. A Asociación galega de afectados de esclerose lateral amiotrófica (Agadela) adicará este diñeiro á investigación e as necesidades dos asociados.

Diñeiro e visibilización da enfermidade son as dúas achegas solidarias dos membros de “Ponte un reto”, que contan con “padriños” como Evaristo Portela, Öscar Pereiro, David Cal ou Saleta Castro.