O Concello incrementa até os 135.000 euros as axudas de emerxencia para 2016

82

O Concello de Pontevedra celebrou esta semana a Comisión de avaliación das axudas de Emerxencia Social que concede a Concellaría de Benestar Social Municipal, na que se fixo balance das axudas concedidas ao longo do pasado ano. As axudas de emerxencia social son entregas de cartos en efectivo para as familias que cumpren os criterios de Servizos Sociais e que precisan cubrir as súas necesidades básicas. As familias só poden percibir unha axuda destas ao ano.

A contía entregada en 2015 foi de 120.000 euros. A consignación para 2016 é de 135.000 euros, aos que haberá que engadir 40.000 euros, unha nova liña de axudas incluídas nas de emerxencia destinada ás familias usuarias de Servizos Sociais e adxudicatarias de pisos en Valdecorvos.

Como conclusión extráese que de 2010 a 2016, o Concello duplicou o orzamento destinado a estas axudas, pasando de 62.000 euros a 120.000 en 2015, en paralelo ao número de axudas tramitadas. Aínda que é moi prematuro facer unha valoración -só o tempo o permitirá- o descenso de axudas concedidas en 2015 (38 menos que en 2014 mantendo os criterios), pode indicar unha certa recuperación das familias especialmente atacadas pola crise, xa que non é preciso que acudan a estas axudas extraordinarias e que amosan a especial vulnerabilidade destas familias. E tamén pode ser atribuíble a que diversas administracións entraron a colaborar con estas familias para que non cheguen a certos extremos.

A Concellaría de Benestar Social Municipal estará atenta a esta evolución para tratar de confirmar esta tendencia. Con estes primeiros datos xa acordou incluír novos criterios para a concesión destas axudas como atender impagos de alugueiro antes do proceso de desafiuzamento ou o pago dos suministros antes da comunicación dos cortes. No mes de xullo volverá a reunirse a comisión para reestudar estes criterios e ver si se poden manter no tempo.

Neste pasado ano incrementaron o número de familias dun só membro. A maior parte son homes.

A maior parte das axudas concedidas foron para o concepto alimentación básica pero tamén foron numerosas as axudas para equipamento escolar.

As axudas escolares

A diferencia de en 2014, o ano pasado non se incluíron as axudas a escolares de Primaria e Secundaria porque estas axudas municipais son incompatibles co cheque habilitado neste curso (2015/2016) pola Xunta de Galicia. De todos os xeitos, Benestar Municipal entregou 2.100 euros en axudas escolares (infantil) a 21 escolares no presente curso mellorando substancialmente os prazos das entregas.

O Servizo recibiu a maior parte das peticións das familias durante os meses de xullo e agosto, polo que as axudas estaban entregadas entre setembro e outubro. Só 3 se entregaron no mes de novembro, e foi debido a que os seus perceptores presentaron máis tarde a solicitude.

Valdecorvos

Ademais, para este ano 2016 habilitouse unha partida especial de 40.000 euros para previr situacións de impago en Valdecorvos, xa que algunhas das familias que acaban de ser beneficiarias dun piso son usuarias de Servizos Sociais. É coñecido que o primeiro mes de ocupación dun novo piso supón un desenvolso importante para as familias, especialmente para este tipo de familias que teñen unha nula capacidade aforro. A Concellaría decidiu antepoñerse a futuros problemas e consignar esta cantidade para pagos, de tal xeito que estas familias poidan iniciar unha nova vida sen impagos.