Os IES de Carballiño e o Luís Seoane pasan a final galega do Club de Debate

84

Os IES número 1 de Carballiño e Luís Seoane de Monte Porreiro son gañadores (1º e 2º respectivamente) da primeira fase de zona do Club de Debate que se celebrou durante a xornada de hoxe no Pazo da Cultura. Aínda que todos os equipos participantes amosaron un elevado nivel de dialéctica e de confrontación de ideas, destacou, especialmente, os bos traballos en equipo e tamén o compañeirismo entre todos os grupos que se enfrontaban nesta primeira fase.

Na xornada de hoxe participaron 62 estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato dos IES Luís Seoane, Valle Inclán, Nº 1 do Carballiño, Poio, Ponte Caldelas e do IES Sánchez Cantón, que inscribiu dous equipos.

O tema de debate desta edición foi: “Nacer muller é vivir en desigualdade”.

O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá un vale de 500 euros para mercar libros e/ ou banda deseñada en galego, un exemplar de Sempre en Galiza, de Castelao para ter exposto no IES ata o vindeiro Club de Debate, e o acceso á final. O segundo clasificado recibirá un vale de 300 euros para mercar libros e/ou banda deseñada en galego e o acceso á final.

O Club de Debate é un programa que organizan o Concello de Pontevedra e dez concellos máis, a través das concellarías de Normalización Lingüística co fin de promover o uso da lingua galega entre a mocidade. Este ano, o Concello de Pontevedra e o Concello do Carballiño colaboran na organización da fase eliminatoria que se desenvolverá na nosa cidade.

Na final en Pontevedra participarán equipos de dez dos once concellos organizadores, que se agrupan en catro zonas clasificatorias. A primeira foi a de hoxe no Pazo da Cultura, entre Pontevedra e O Carballiño. Seguirán a eliminatoria da Coruña; a de Carballo, Ferrol e Narón e rematará coa de Ames, Negreira, e Teo. Os dous equipos mellor clasificados en cada unha destas eliminatorias participarán na final en Pontevedra, o sábado 30 de abril, co tema En galego hai un mundo de cousas boas.

Os obxectivos do Club de Debate son:

  • favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria
  • promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.