Pontevedra súmase á celebración do Día de Rosalía

66

O Concello de Pontevedra, Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Maio Longo colaboran para celebrar este mércores, 24 de febreiro, o Día de Rosalía. Está previsto un acto con música e lecturas de texto da escritora galega na Casa da Luz, a partir das 19.00 horas.

A programación é a seguinte:

    • Actuación do grupo de cantareiras Adonairare
    • Lectura de textos de Rosalía de Castro por representantes de diversos sectores da sociedade pontevedresa: entidades e persoas do ámbito educativo, cultural, empresarial, sindical, da integración social, deportivo, mocidade, etc.
    • Lectura do manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega

Este acto central pon o ramo a multitude de actividades organizadas por centros educativos e asociacións que celebran a data para constatar que “desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais”.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega promoveu unha acción colectiva a través dos centros de ensino, con propostas para educación infantil e primaria, e educación secundaria e bacharelato. É unh actividade aberta tamén á participación da sociedade.

Educación Infantil e Primaria

A AELG propón a elaboración e envío dunha postal cun deseño alusivo ao Día de Rosalía, e cun verso ou estrofa que actúe de estímulo creativo para que rapazas e rapaces realicen un debuxo en torno á figura de Rosalía de Castro. O envio farase o propio día 24 de febreiro.

Para educación secundaria o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

              Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía.