Cinco charlas para explicar a Indicación Xeográfica Protexida (IXP)

74

O Concello de Pontevedra inicia este xoves, 25 de febreiro, unhas charlas sobre o viño da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e enmarcadas dentro da campaña Beber país que comezou no pasado Nadal coa cata de viños desta IXP.

O concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez explicou que o expediente para crear a Indicación Xeográfica Protexida Terras do Morrazo atópase en Bruxelas e á espera de resolución. Esta IXP permitirá a comercialización con garantías de calidade dos viños neste ámbito xeográfico no que se atopan os concellos do Morrazo, con Pontevedra, Redondela ou Poio, entre outros.

O obxectivo destas charlas é dar a coñecer a IXP, así como as características das viñas, as uvas, o xeito de recollida e tratamento para poder vender o viño baixo esta denominación.

Estas sesións de dúas horas terán unha parte teórica para explicar a IXP e as súas características técnicas, e unha segunda de cata dos veciños doutras IXP. Estarán impartidas por técnicos da Federación Fruga.

As charlas serán as seguintes:

    • 25 de febreiro: Campañó. Casa da Cultura. 20.15 horas
    • 3 de marzo: Salcedo. Centro Social Cabanas. 20.00 horas
    • 10 de marzo: Marcón. Casa parroquial. 21.00 horas
    • 17 de marzo: Santa María de Xeve. Antigo Concello. 20.30 horas
    • 31 de marzo: Pontevedra. Casa da Luz. 20.00 horas.