Participación, diálogo e colaboración, trazos da nova etapa do Consello Escolar Municipal

96

O Consello Escolar Municipal comeza unha nova andaina coa concelleira Carmen Fouces ao fronte e coa nómina de membros actualizada. A Casa das Campás acolleu a primeira reunión desta nova etapa, un encontro cualificado pola concelleira de “cordial, colaborativo e dialogante”, o que son trazos fundamentais para o bo funcionamento do Consello Escolar.

“Creemos na participación e o Consello Escolar Municipal é un foro do máis plural que existe”, subliña Carmen Fouces quen agradeceu as suxestións aportadas na reunión e o espírito construtivo amosado por tod@s, Falando de participación, propúxose e aceptouse a modificación do regulamento do Consello Escolar Municipal que ven de ano 1999 co fin de incluír no foro a un representante da Universidade e a consideración de membros, e non só de convidados como até agora, dos representantes dos partidos políticos con escano no Concello de Pontevedra.

Na primeira xuntanza do órgano renovado a responsábel municipal defendeu a necesidade de traballar arreo no eido da educación co fin de formar cidadás críticos e neste senso apuntou que todas as accións e actividades que se promovan dende o Concello profundarán no obxectivo de que a cidade e a contorna sexan un axente educador máis.

A perspectiva de xénero, a promoción da lingua e a participación e cohesión social serán os eixos claves das iniciativas, unhas claves transversais que formarán parte das accións promovidas que estarán agrupadas en tres áreas: cidade, contorna e medio urbano; cultura e patrimonio e ciencia, saúde e medio ambiente.

Por outra banda, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, anuncio un novo sistama para o mantemento dos colexios públicos aos que se lle adicará un importe anual estimado de 200.000 euros. Con este contrato de mantemento e conservación tense previsto acometer os traballos para o mantemento dos centros escolares, pintados interiores e exteriores, limpeza de canlóns e cubertas, revisión de falsos teitos, carpinterías, etc.

A estimación de gasto fíxose analizando o estado dos centros de Educación Infantil e Primaria, as obras que son competencia do Concello e a experiencia das realizadas en exercicios anteriores.

A comunidade educativa está pendente do novo mapa escolar de Pontevedra, unha zonificación da que leva pendente anos e que será avaliada e debatida no Consello Escolar Municipal cando a Consellería de Educación teña rematado e o presente. A convocatoria desta sesión quedou a espera da comunicación da Xunta.