Peche parcial do tráfico nos Campos 
para soterrar a liña de Fenosa

89

Nesta semana o Concello inicia unha nova fase da obra de mellora da seguranza viaria e accesibilidade na rúa dos Campos. Dende hoxe está pechado o tráfico de acceso cara o barrio de Monte Porreiro (dende a rúa da Pomba) para realizar os traballos de soterramento da liña de Fenosa que estaba situada na metade do barrio.

A prohibición púxose en marcha esta mañá -ás 10.00 horas- e manterase durante unhas tres semanas, aproximadamente. Os vehículos que queiran acceder a Monte Porreiro deberán facelo a través da avenida de Bos Aires.

O soterramento da liña de Fenosa incorporouse ao proxecto de mellora da seguranza viaria e da accesibilidade, que xa está avanzado coa creación dos espazos das beirarrúas, a rotonda que regula o tráfico na zona ou a instalación da parada de autobús ao carón das antigas instalacións do colexio dos Campos.

A obra contempla medidas de seguranza viaria, calmado de tráfico e accesibilidade, que se conseguirá coa creación de beirarrúas en ambos sentidos -nos tramos que permita o ancho da rúa-. Outro dos puntos fortes do proxecto e que responde á demanda veciñal, é a eliminación das pozas que provocan as augas da chuvia, polo que se fará unha rede de canalización. Para incluír esta petición o Concello realizou unha modificación do proxecto.

Tamén hai outras melloras dos traballos como a creación dunha senda na carballeira da rúa.

A obra rematará coa pavimentación e a instalación de sete pasos de peóns, algúns sobreelevados, medidas de seguranza viaria que precisa unha vía pola que transitan cada día unha media de 10.000 vehículos chegando, nalgún caso, a 120 km/h tal e como recollen os rexistros da Policía Local.

A obra dos Campos está sendo executada pola empresa E.C.Casas cun orzamento de 241.120 euros.