Identidade, cultura e diálogo para construír o futuro

76

“Hai cousas deste mundo que non nos gustan nada, nada, nada”. Mariña, de 7 anos e alumna do CEIP Isidora Riestra de Poio, remataba con estas verbas a súa intervención na inauguración do VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco, diante do alcalde Miguel Fernández Lores quen recolleu a luva para concordar con ela – “non nos gustan as guerras, a desigualdade, a exclusión,…”-, para expresar a súa confianza nos pequenos de hoxe que maña gobernarán e lembrar que dende o Concello se traballa a prol da construción dunha Pontevedra “onde as persoas, todas as persoas, son o máis importante”.

O Pazo da Cultura acolle hoxe e mañá o VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco “Identidade, Cultura e Diálogo” no que participarán de xeito activo 168 alumnas e alumnos de 12 a 18 anos, estudantes dende 2º de Primaria a 1º de Bacherelato), xunto con 20 docentes e acompañantes. O encontro tamén contará con observadores: cinco membros da Universidade do Baixo Miño.

Os congresistas traballarán no encontro en cinco obradoiros: Relatividade, Mediación; Atlántico, no que deseñarán as liñas de actuación para o proxecto promovido polas escolas galegas con centros de Portugal e Cabo Verde, Patrimonio que inclúe percorridos a algunhas pontes da cidade e Presentación onde exporán os traballos desenvolvidos nos comités Unesco.

Os alumnos e alumnas do VI Encontro estudan nos seguintes centros: CEIP Isidora Riestra (Poio), CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP San Bieito (Lérez), CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro), Colexio Eduardo Pondal (Cangas), IES Pedra da Auga (Ponteareas), IES Pazo da Mercé (As Neves) e IES Luis Seoane (Monte Porreiro).