A Casa das Campás acolle a mostra
 “As chaves do cambio” do Fondo Galego de Cooperación

55

O vestíbulo da Casa das Campás acolle dende hoxe e até o 30 de marzo,  a exposición “As chaves do cambio” realizada polo fotógrafo español Manuel Fandiño, radicado en Nicaragua. A mostra amosa os logros do proxecto “Fortalecemento das capacidades de prestación de servizos turísticos e da autosuficiencia económica do Centro de Educación Alternativa Rural” que leva a cabo a ONG “Taller de Solidariedade” na localidade nicaraguana de Totogalpa, en colaboración con Instituto de Promoción Humana (INPRHU) Somoto e co financiamento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A exposición estará aberta ao público de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

O obxectivo desta exposición fotográfica é visibilizar, a través da testemuña de seis persoas, o valor do Turismo Comprometido, a Agroecoloxía e a Artesanía como ferramentas para mellorar a calidade de vida das persoas en contextos de vulnerabilidade. Fará reflexionar ao espectador sobre o valor da solidariedade para fortalecer as relacións das comunidades indíxenas.

As chaves do cambio. Dossier