A sede electrónica do Concello ponse 
en marcha con 42 entradas na mañá

134

A sede electrónica do Concello de Pontevedra sede.pontevedra.gal púxose en marcha esta madrugada e xa empeza a ter algunhas peticións, suxestións e os cidadáns comezan a facer os seus trámites. Nesta mañá a páxina rexistrou 42 accesos na súa parte privada tanto de empresas como de particulares, que solicitaron, entre outras cousas, a instalación de lombos na rúa dos Soutos.

Pódesen facer trámites, especialmente, os vinculados co servizo de tributos e recolle toda a información dos procedementos habituais que os cidadáns requiren da administración local: trasladar información ao Rexistro, solicitude de volante de empadronamento, domiciliación de recibos… Durante as vindeiras semanas irase implementando a páxina para poder pagar tributos ou facer solicitudes de carácter urbanístico, entre outros.

Ademais, esta nova ferramenta á disposición dos cidadáns dispón dunha parte privada á que pode acceder calquera veciño para coñecer a información que o Concello dispón del como pago de tributos, recibos pendentes, unidades fiscais… Para poder acceder a esta parte privada é preciso ter unha destas tres vías de acceso: DNI electrónico, certificados oficiais ou ben dispoñendo de contrasinal que se pode solicitar ante o Rexistro Xeral Municipal con fotocopia do DNI e entregarase no momento.

A sede municipal tamén ten unha páxina de transparencia na que se poden consultar informacións obrigadas pola Lei de Transparencia como a oferta de emprego público, o perfil do contratante, o taboleiro de anuncios, a normativa municipal e os seus impresos, entre outros.

Á sede pódese acceder dende a propia dirección sede.pontevedra.gal ou a través da páxina principal do Concello pontevedra.gal no que aparece unha fiestra na parte superior para acceder a ela.