O CITA reabre as súas portas tras acometer traballos de mantemento

78

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra iniciou hoxe unha nova andaina tras dous meses de peche para realizar traballos de mantemento e conservación dos achados arqueolóxicos. A primeira visita desta nova etapa foi a dos alumnos do IES Milladoiro, de Compostela, que coñeceron parte da historia da nosa cidade.

No xa habitual peche de comezo de ano, cometéronse traballos de mantemento das instalacións, relacionados principalmente coa iluminación, e de restauración. Dúas profesionais restauradoras realizaron traballos de limpeza manual das pezas e restos arqueolóxicos mediante o emprego de brochas e cepillos suaves, a consolidación puntual de zonas de terra e a aplicación dun biocida mediante pulverización.

A segunda das visitas será mañá, 3 de marzo, ás 12 horas cun grupo de 25 alumnos/as de 2º da ESO do IES A Xunqueira I acompañados polo profesor de Historia, Manuel Reboredo.

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais continúa deste xeito unha nova etapa neste 2016 despois da súa inauguración en 2010. O CITA pódese visitar de mércores a domingo, podendo reservar entrada a través do enderezo de correo cita@pontevedra.eu ou chamando ao número de 986090677.