Volve o Jazz no Principal da man de Rale Micic, un dos mellores guitarristas de NY

65

A programación de Cultura volve a pór en axenda o Jazz no Principal a cargo do Seminario Permanente de Jazz. A primeira das actuacións será este sábado, 5 de marzo, ás 21.00 horas a cargo de Rale Micic Quartet, e continuará o vindeiro sábado, 12 de marzo, coa actuación do músico catalán Raynald Colom.

Rale Micic actuará acompañado de Abe Rábade (piano), Paco Charlín (contrabaixo) e Max Gómez (batería). Sumaranse tamén como convidados nalgúns temas os alumnos do SPJ Eloi Pascual (batería) e Afonso Traficante (vibráfono). O repertorio estará conformado por unha seleción de pezas orixinais de Rale Micic dos seus últimos traballos discográficos; composicións como “Song for Alma”, “Sunrise”, “A Sto si Se Jano”, “Hotel Insomnia” ou “Blue”.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro destacou o compromiso do Concello de Pontevedra co Jazz “que está moi enraizado e ten anos de traballo máis aló das actuacións de verán” referíndose ao traballo de formación encomiable que está a realizar o Seminario Permanente de Jazz (SPJ).

Tamén lembro que a música está a ser a protagonista na programación cultural deste primeiro semestre do ano no Concello de Pontevedra.

jazznoprincipal2016Rale Micic

Rale Micic, guitarrista de orixe serbia, é a día de hoxe un dos máis reputados guitarristas de New York. Habitual do Quinteto do lexendario Tom Harrel e dun dueto estable xunto ao tamén guitarrista Peter Berstein, adoita ao mesmo tempo explorar a interación entre as súas raíces culturais nos Balcáns e o seu amplo coñecemento do Jazz máis tradicional.

Nado e criado en Belgrado, este guitarrista e compositor debutou discograficamente con “Bridges”, publicado por CTA Records en 2003. Durante os últimos anos, estableceuse como unha das voces máis orixinais desta música, o que o levou a formar parte do quinteto do grande Tom Harrell. “A escena de jazz de New York, e por extensión toda a corrente moderna do jazz, ten que dar as grazas a Rale Micic polo seu continuo crecemento.” escribiu Jim Santella en All About Jazz.

O seu trío estable está formado polo baixista Scott Colley e o baterista Gregory Hutchinson.

Actuación do 12 de marzo

A actuación do sábado, 12 de marzo tratará de saldar unha débeda con Raynald Colom que estivera no cartel do primeiro Pontejazz (agora Jazz no Principal) en 2004 e supendeu a súa actuación debido a que coincidiu cos atentados de Atocha.

As entradas teñen un prezo de 5€ (3€ estudantes, parados e xubilados).