O Concello incoa un expediente sancionador a Cespa por dúas presuntas faltas graves

64

O Concello incoa un expediente sancionador contra Cespa, a empresa concesionaria do servizo de limpeza de Pontevedra, por dúas presuntas faltas graves motivadas pola súa falta de colaboración no esclarecemento das novas aparecidas nos medios relacionadas con supostos “enchufes” na contratación.

A incomparecencia do xefe de servizo para Pontevedra, requirida por escrito o 29 de outubro e o 4 de novembro de 2015 explica as propostas de sanción, explicou o portavoz municipal do Goberno Local, Raimundo Gonzalez Carballo. As sancions (multas)  poden ir dende e os 1.502,53 euros até os 6.010,12 euros para cada un dos casos.

Segundo o instrutor, o concelleiro Vicente García Legisima, a empresa “de forma clara e patente” incumpriu o art. III, 1.1 apartado V do prego de cláusulas administrativas” dos servizos concesionados. Incumpriu “a obriga de subministrar canta información lle sexa requirida para ter un coñecemento actualizado dos contratos”

O Concello abrira no mes de outubro do pasado ano unha investigación para coñecer cal era o proceso de selección de persoal de Cespa e si houbera interferencias na selección de persoal. Requiriuselle a documentación e a testemuña do xefe de servizo en dúas ocasións e as providencias non tiveron unha resposta positiva.

Cespa ten agora un prazo de 15 días para presentar alegacións e após concretarase a proposta de sanción.