Obras en Lérez, Salcedo e Tomeza por preto de 600.000 euros

57

Nesta semana arrancarán e concluirán distintas obras nas parroquias do rural que teñen un custe global duns 600.000 euros. Son traballos en Lérez (A Piolla e a Gándara), en Salcedo (O Cruceiro) e en Tomeza (Lusquiños); todos eles consistentes na rehabilitación integral de vías municipais que se atopaban en mal estado.

Obras en Lérez

A obra da Piolla, na parroquia de Lérez, comezou esta mañá e permitirá restaurar unha vía que precisaba dunha actuación inmediata. Esta vía une a Piolla con Casalnovo, e dá acceso ao centro escolar da parroquia.

É unha actuación de ensanche en varios tramos da vía e rehabilitación do firme, cun orzamento de 190.000 euros.

Para o mércores está previsto que comecen as obras na Gándara, tamén en Lérez, dado que hoxe comezaron as catas arqueolóxicas no tramo que se vai mellorar. Esta é a segunda fase de mellora desta vía. A primeira xa foi realizada no ano 2014, e esta segunda levou unha tramitación máis longa ao rexistrar achados arqueolóxicos neste último tramo. De feito, neste espazo localizouse unha calzada romana que obrigou a facer unha catalogación patrimonial do espazo, un traballo realizado pola Xunta e que explica o retraso dos traballos programados.

Esta actuación está valorada en 250.000 euros. Suporá unha rehabilitación integral de toda a vía, coa substitución de servizos.

Obras en Salcedo e Tomeza

Tamén este mércores está programado o inicio da rehabilitación integral da vía do Cruceiro, na parroquia de Salcedo, que forma parte do núcleo de centralidade parroquial definido polo Consello da parroquia.

Esta obra ten un orzamento de 118.000 euros que comparte coa obra de Cabanas-Igrexa, tamén en Salcedo, que comezará proximamente.

Nesta semana está previsto que se pavimente a estrada principal do lugar de Lusquiños, na parroquia de Tomeza, que tamén está reformándose. Esta obra ten un orzamento de máis de 86.000 euros.