O Concello repara conducións de saneamento sen abrir as beirarrúas

49

O Concello de Pontevedra empregou na avenida da Estación unha novidosa técnica para rehabilitar as conducións do saneamento sen ter que levantar beirarrúas, beiravías ou a calzada. Denomínase “tecnoloxía sen foxo”, que tamén se empregará proximamente para reparar o colector de saneamento en Santa Ana, no barrio de Estribela, que rexistra varios verquidos de augas fecais.

Este tipo de tecnoloxía consiste no recubrimento interno da tubaxe do colector sen que sexa necesario abrir foxo algún para realizar a obra. En concreto, introdúcese unha manga no interior do colector danado, previamente impregnada cunha mestura de resina e endurecedor cun sistema de vacío. O posterior curado e fraguado da resina propiciará que a tubaxe interior quede axustada e estanca.

Este sistema de rehabilitación de tubaxes danadas non precisa de xuntas, mellora a capacidade hidráulica e resistencia mecánica, e impide a penetración de raíces e a erosión do colector. Unha técnica que tamén propicia unha elevada resistencia ás augas residuais agresivas e que soporta mellor os efectos estáticos como deformacións.

Ademais, con esta tecnoloxía sen foxo afórrase tempo na execución dos traballos, mellorase o nivel de seguridade dos operarios, e reducense os problemas provocados polas escavacións en lugares demasiado estreitos e con proximidade de vivendas, minimizando as molestias aos cidadáns e contribuíndo á protección do entorno e do medio ambiente.

Avenida da Estación e Santa Ana

Na avenida da Estación empregouse esta tecnoloxía sen foxo para resolver un problema de filtracións a un garaxe dun edificio. En primeiro lugar, Viaqua, a concesionaria do servizo de saneamento, introduciu unha cámara de televisión para detectar cal era a orixe da filtración, e a continuación instalou un manguito de reparación “paker”.

En Santa Ana, no barrio de Estribela, empregarase unha magueira máis longa, onde a concesionaria fará a reparación do colector con cargo ás melloras do contrato. O custe desta obra é de 30.075,48 euros, e óptase por esta reparación dado que a rúa foi recentemente remocicada polo Concello, e sería preciso abrir foxos de traballo bastante profundos.