As obras de Pasarón, rematadas para Semana Santa

46

O concelleiro Luís Bará informou hoxe aos membros da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos sobre o estado das obras urbanas que se están acometendo e da carteira de actuacións inmediatas. Son intervencións que profundan na accesibilidade, mobilidade peonil, seguranza viaria e calidade urbana.

  • Obras da praza diante do Hospital. Están na recta final e poderían estar rematadas nun prazo aproximado de dúas ou tres semanas. O concelleiro apuntou a posibilidade, sobre a que hai consenso, de nomear a este recuperado espazo público “praza do Hospital”.
  • Obras na contorna do campo de fútbol de Pasarón. Están moi avanzadas e poderían concluírse nesta mesma semana ou na próxima. Acométense neste momento traballos de xardinería, instalación do rego… As obras que tiñan un prazo de execución de seis meses estarán lista en pouco máis de tres. Barállase a inauguración para antes da Semana Santa.
  • Os Campos. Se está a traballar na pavimentación da estrada coa confluencia con Santa Margarida. A intención é que o viario estea en funcionamento nos dous sentidos para o próximo domingo, día no que se prevé unha grande afluencia de xente pola celebración da XXV Festa do Caldo. As obras dos Campos poderían estar rematadas nos primeiros días do mes de abril.
    A demora das obras está xustificado polo traballo adicional de soterramento da liña de alta tensión de Fenosa, unha actuación asumida pola compañía eléctrica e feita pola contrata da obra.

Actuacións programadas que será avaliadas coas veciñanzas en próximas xuntanzas:

  • Obras de Médico Ballina. Afectan sobre todo á contorna do que será o parque infantil que irá nos terreos cedidos por Adif e teñen como obxectivos mellorar a accesibilidade e a seguranza viaria. Falamos de obras de pavimentación e ampliación das beirarrúas, pasos de peóns elevados e reposición de mobiliario urbano. A actuación será presentada á veciñanza o próximo luns.
  • Praza de Barcelos. Nos próximos días á veciñanza coñecerá as obras na praza para garantir a seguridade dos nenos e nenas do CEIP Barcelos no seu paso a un espazo público que podería converterse no patio de recreo. O Concello ten pensado aproveitar a Semana Santa para facer a obra, unha plataforma única diante do colexio e para acceder a praza.

Por outra banda o concelleiro Luís Bará amosou a súa preocupación polo retraso da firma do convenio de mantemento das vías urbanas xa que as intensas chuvias das últimas semanas provocaron danos no pavimento e nas lousas de distintas rúas da cidade.