Pontenciencia, no I Encontro de experiencias educativas do Eixo Atlántico

58

Pontevedra está hoxe no I Encontro de experiencias educativas do Eixo Atlántico con Pontenciencia, o programa promovido pola Concellería de Educación xunto coa Vicerreitoría do campus para espertar o interese polo mundo da ciencia dos nenos e nenas de Primaria.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces, que viaxou á localidade portuguesa de Vila Real, enmarca Pontenciencia nunha estratexia educativa municipal que baseada na participación, a cohesión social, o uso do idioma galego e a perspectiva de xénero. Un marco transversal presente nas tres grandes áreas de actividade da súa oferta: cidade, contorna e medio urbano; cultura e patrimonio e ciencia, saúde e medio ambiente.

Pontenciencia, que está na súa terceira edición, ten obxectivos moi claros: falar de ciencia desde o próximo; espertar entre o alumnado de Primaria o interese pola experimentación e a ciencia; achegar a Universidade á cidade e abrila aos escolares e as súas familias. Trátase, subliñou a concelleira Carmen Fouces, dunha iniciativa máis nunha cidade que educa aos seus nenos e nenas dentro e fóra das aulas.

Máis de 300 escolares desenvolverá os seus propios experimentos científicos, que os días 3 e 4 de xuño presentarán na Escola de Enxeñaría Forestal. Pontenciencia arranca con obradoiros de formación no método científico aos alumnos de 5o e 6 o Educación Primaria, e ás familias que queiran participar cos seus fillos/as de educación Primaria (7-12 anos). Poderán aprender unha metodoloxía de investigación aplicable a calquera ámbito social, económico ou ambiental.

Paralelamente, constitúense comités científicos, formados por mestres/as e investigadores das Facultades do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que aportan propostas de investigación a disposición dos participantes. A continuación, cada participante realizará o seu proxecto de investigación, co apoio e a supervisión necesarias. Poderase participar na categoría Ciencia no cole ou ben Ciencia en familia.

Finalmente poderán presentar o resultado das súas investigacións en Pontenciencia: Feira da miniciencia, e se o desexan participar na fase de concurso do Premio Pontenciencia.