Lores confía na xente para sacar adiante o novo sistema de tratamento de lixo

84

O deseño está feito e agora o reto é transmitirlle aos cidadáns os beneficios medio ambientais, sociais e económicas da reciclaxe. O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, confía plenamente na colaboración dos pontevedreses e pontevedresas para sacar a diante con éxito a implantación do novo sistema de recollida e tratamento de lixo.

“Eu creo que vai a haber unha resposta moi positiva, a xente de Pontevedra colabora exquisitamente, en xeral. A xente é moi educada e moi participativa cando é capaz de ver o fondo das cousas” subliña o Miguel Fernández Lores quen avala a súa confianza co exemplo da peonalización: “nunha praza chea de actividade -rapaces xogando, unha terraza, actuacións..- ninguén bota en falta os coches pero se queda baleira, sen máis, por que non ían a aparcar? A xente responde cando lle ve a utilidade”.

“Temos que transmitir que estamos facendo algo positivo para o medio ambiente, que é bo para riqueza do solo, que ten rendibilidade social, medio ambiental e tamén económica” engade o alcalde quen fai un chamamento ás forzas políticas para que non poñan tachas antes de comezar a obra, para que fagan suxestións positivas.

O Goberno local estivo estudando distintos sistemas de recollida e tratamento de lixo, tomando nota de proxectos positivos e dos fracasados para facer deseñar a súa aposta, o proxecto máis importante deste mandato.