Lista a mellora da praza de Praceres, 
á espera de iniciar a rúa Areal á volta 
da Semana Santa

28

O Concello ten rematados os traballos de seguranza viaria e accesibilidade na praza de Praceres, e despois da Semana Santa comezará a reforma da rúa do Areal e dos accesos á pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

O concelleiro responsábel da parroquia, Demetrio Gómez explicou esta mañá que a reforma de seguranza viaria e accesibilidade só está pendente da sinalización horizontal e dun repaso do firme que se fará no ámbito da igrexa, logo da Semana Santa.

Estes traballos consistiron na reordenación do tráfico, a creación de máis prazas de estacionamento, calmado do tráfico, eliminación de barreiras arquitectónicas, e a creación dunha ruta segura para os escolares.

Á volta da Semana Santa comezarán os traballos para reformar a rúa Areal, cun orzamento de 60.000 euros. Consistirá na mellora da accesibilidade e mobilidade desta rúa para dar servizo aos veciños e, especialmente, ás mariscadoras que empregan esta rúa cara a pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

Pavimentarase toda a rúa Areal, dende o Santo até a autovía, e crearase un circuíto peonil para acceder á pasarela pasando polos espazos que empregan as mariscadoras para o seu traballo diario, de tal xeito que garanta unha mobilidade segura.