Un novo pavillón deportivo na Parda, prioritario

56

A prioridade é a construción dun novo pavillón deportivo na zona da Parda. Con esta base por diante a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, mantivo hoxe unha reunión con técnicos municipais e os arquitectos do estudio Rodríguez+Pintos aos que se lles encargou un anteproxecto de deseño da instalación e de reordenación da parcela de 33.000 metros cadrados reservada no seu día na zona leste da cidade para a instalacón de un macro complexo deportivo.

Os traballos para a restruturación do proxecto inicial están nunha primeira fase na que se priorizará a construción dun pavillón que permita a práctica da ximnasia, o deseño da accesibilidade e fluxo de circulación da contorna e tamén un aparcamento que lle dea servizo.

O futuro pavillón terá que ter un aforo de 1.500 a 2.000 espectadores e poderá acoller competicións ximnásticas e campionatos e eventos doutras disciplinas deportivas.Tamén atenderá as necesidades dos clubs da cidade.

“Pontevedra medrou moito deportivamente e precisa de novas infraestruturas” subliña a concelleira Anxos Riveiro quen confía en que o anteproxecto e os primeiros pasos cara a construción sexan realidade neste ano 2016.