Arredor de 7.800 vivendas precisarán dun composteiro no rural e na área urbana

59

O Concello vai avanzado no novo sistema de recollida e tratamento dos residuos que implantará en todo o municipio. A concelleira responsábel do servizo, Carme da Silva explicou esta mañá que xa está rematado o reconto do número de vivendas que precisarían dun composteiro individual. Serían unhas 7.800 vivendas tanto na área rural como nos barrios urbanos.

Este traballo estase a completar nestes días e nas vindeiras semanas coa colaboración veciñal para concretar máis esa cifra con outros datos como o número de vivendas habitadas, número de persoas que habitan en cada vivenda, información sobre si é residencia habitual ou non, se hai negocios na zona…

Carme da Silva explicou esta mañá que existe unha moi boa receptividade por parte dos veciños, o que supón abrir á participación todo o proceso de implantación do novo sistema de tratamento do lixo dende os primeiros momentos.

Con este primeiro reconto feito, o Concello xa dispón de información para poder comezar a traballar nas bases para mercar os composteiros, cuxos prezos poderán oscilar entre os 75 ou os 100 euros, aínda que a cifra está sen concretar.