O Concello mellora a accesibilidade 
e a seguranza viaria diante do futuro parque infantil de Médico Ballina

87

Os veciños de Médico Ballina coñecerán esta tarde a mellora da seguranza viaria e da accesibilidade que propón o Concello na rúa. O concelleiro Luís Bará explicará esta tarde aos veciños a reforma que está prevista realizar nesta rúa que ten un orzamento de 59.065 euros, e executará a empresa E.C.Casas.

A actuación consiste na construción dun paso de peóns elevado á altura da plataforma do túnel do AVE ao seu paso por esta rúa. Ademais, mellorarase toda a accesibilidade ao ampliar a beirarrúa dereita (de saída da cidade) ao eliminar todo o estacionamento en liña nese lado, e crealo no outro sentido da circulación.

As beirarrúas da marxe dereita son moi pequenas en moitos tramos e o Concello quere ampliar a beirarrúa diante da plataforma do AVE dado que está previsto instalar un parque infantil.

Coa creación de novas prazas de estacionamento na outra marxe tamén se pon fin a posibilidade de que furgonetas -e incluso camións- dean a volta nesa parte da rúa subíndose á beirarrúa. Neste punto, as beirarrúas si son moi amplas dado que os edificios están moi retranqueados, o que teñen aproveitado algúns condutores para dar a volta no lugar de achegarse até a rotonda da estrada de Santiago.

Esta práctica xa fora denunciada polos veciños da zona, e o Concello confía en que se poña fin con esta medida.