O peche do tramo peonil da praza de Barcelos será o martes, 22 de marzo

95

O concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará mantivo esta mañá unha reunión de coordinación para pór en marcha o proxecto de reforma da praza de Barcelos. Á reunión trasladou os compromisos aos que chegou cos veciños na reunión desta semana: calendario de execución de obras que comezarán o martes 22 de marzo co peche do tramo que se peonalizará (a fachada do colexio e todo o lateral de Santa Clara); e que estivera instalada toda a sinalización cando se proceda ao peche dese tramo da praza. De feito, comentou a boa recepción que tivo entre os comerciantes a nova de que se ía instalar estacionamento de servizos de 15 minutos en toda a praza.

Cabe lembrar que a praza de Barcelos ten na actualidade 112 prazas de estacionamento libre e 3 para persoas con mobilidade reducida, segundo os informes da Policía Local. Baseándose nos datos do Plan de Mobilidade de Pontevedra, o 80% están ocupadas por residentes cunha escasa rotación en horario laboral. De feito, o 24% dos coches permanecen inmóbiles durante toda a xornada.

Fixando un total de catro rotacións ao día, conclúese que nas 85 prazas con rotación estacionan uns 340 coches ao día.

Coa reordenación de espazos e da circulación, elimínanse 58 prazas, e 54 quedarán en réxime de servizos (15 minutos) de 8 a 13.30 e de 16.30 a 21 horas. O número de rotacións diarias serán de 2.160.

A obra, que executará a empresa Covsa, está previsto que remate o luns, 28 de marzo, antes de inicio do curso escolar, e consistirá na creación dunha plataforma única cun pavimento diferenciado. Ademais, diante do colexio colocaranse morróns para garantir que os vehículos non accedan a esta zona.

Tamén abordou cos técnicos municipais a necesidade de instalar na zona peonalizada elementos deportivos xa que o espazo liberado será moi grande “e porque queremos que se visualice que esta será unha zona de xogos”, indicou Luís Bará, quen adiantou que a reforma da praza de Barcelos irá acompañada da aplicación da zona de Servizos en Benito Corbal, no tramo entre Sagasta e a nova praza do Hospital.