Xogar ao xadrez nos campamentos de refuxiados de Xordania

61

Achegar o xadrez aos nenos e nenas que viven en dous campamentos de refuxiados de Xordania e formar monitores que dean continuidade á actividade. Con estes dous obxectivos unha delegación da Escola de Xadrez Pontevedra viaxará mañá cara o país árabe, unha iniciativa para a que contan coa colaboración do Concello de Pontevedra e de Xadrez sen Fronteiras e o apoio loxístico de ACNUR.

A delegación, integrada por tres membros da Escola e o representante da ONG ten previsto estar once días no país, traballando en dous campamentos: Azraq (onde estará a base da futura escola de xadrez) e Al Zaatari, na fronteira con Siria e chamado “o campamento dos nenos” xa que arredor do 60% dos seus “habitantes” son menores.

A Escola Xadrez Pontevedra viaxa con 140 kilos de material axedrecístico (cadernos con xogos e para colorear, taboleiros, pezas, ceras, pinturas, guías e manuais do xogo…) elaborado, regalado e recollido pola escola. Todo o traballo é voluntario.

A concelleira de Cultura e Deportes, Anxos Riveiro, definiu a iniciativa como “un grao de area” na procura da mellora da vida dos nenos e maiores que sobreviven nos campamentos de refuxiados.

Pola súa banda Daniel Rivera, portavoz da Escola de Xadrez, subliñaba que “non queremos que sexa unha acción puntual se non que teña continuidade no tempo” e por elo a formación de monitores é un dos eixos da actuación. Ademais queren manter unha comunicación fluída e sostida no tempo e seguir con accións puntuais de colaboración.