“Canta Bichería!”, o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil

36

Esta mañá Anxos Riveiro Portela, concelleira de Cultura de Pontevedra, presentou a programación do XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que se desenvolverá entre os días 2 e 23 do próximo mes de abril. A partir de hoxe mesmo todos os cidadáns e cidadás de Pontevedra poderán atopalo á súa disposición nas rúas, ademais de nos máis de 500 centros de ensino e culturais nos que se distribuirá.

O programa deste ano, que leva como nome “Canta bichería!”, está conformado por case 350 actividades abertas a todo o público. Tal e como comentou a concelleira, un ano máis, o Salón do Libro ten como fin “seguir traballando para achegar os libros a xente de todas as idades, pero sobre todo ao público infantil”, facéndose tamén para que os máis cativos teñan contacto coa literatura por varias vías e de xeitos variados.

Actividades concertadas con centros de ensino

Durante o próximo mes de abril e ao longo de 6 mañás realizaranse 5 contacontos e 6 obradoiros para agasallar ao alumnado de infantil e primaria dos centros colaboradores, realizando todos eles a posteriori unha visita guiada á Sala. Ademais, nas actividades concertadas con centros de ensino colaboradores participarán un total de 45 -9 máis que o ano pasado-. Isto suporá o paso duns 5.000 nenos e nenas de educación infantil, primaria e secundaria, tendo así un incremento de máis de 750 alumnos e alumnas.

A maiores, 7.000 escolares – 1.200 máis que en 2015- asistirán aos 7 espectáculos programados para infantil, primaria e secundaria e ás visitas guiadas á sala.

Aposta pola integración

O Salón, en colaboración con ONCE, fain a súa XVII edición unha forte aposta pola integración e por achegar a literatura a todos os públicos, creando nesta edición un espazo especialmente deseñado para os discapacitados visuais que levan anos visitándoo. Ademais, polo Pazo da Cultura pasarán un ano máis o CEEPR MECOS, da Asociación BATA, de tratamento do Autismo e participarán por primeira vez integrantes da asociación Amencer Aspace (Parálise cerebral).

 Actividades previas

O Pazo non é o único escenario no que se desenvolverán as actividades previstas para este ano. Como antesala á inauguración do evento -para o que Lucía Aldao e María Lado prepararon un espectáculo específico xunto co Seminario Permanente de Jazz-, Orbil, a mascota do Salón, percorrerá as rúas pontevedresas e achegaralles aos nenos/as do hospital provincial un lote de libros especiais.

  • Visita aos centros escolares (Mañá, 18 de marzo)

CEIP FROEBEL (Entre as 10:00 e 10:30 horas )

CEIP A XUNQUEIRA 1 (Entre as 11 e 11:30 horas)

CEIP MANUEL VIDAL PORTELA (Entre as 12 e 12:30 horas)

  • Merendando contos (Entre o luns 21 e xoves 28 de marzo)

Ademais, varios días comprendidos entre o próximo luns 21 e o xoves 28 de marzo ás 18h00, comeza a actividade “Merendando Contos”, na que varios contacontos percorreran as librarías Cronopios, Seijas, Aviones de Papel, D-Lectum, Paz, Nobel e a libraría-xoguetería Estrellas o Limones.

Acceso directo ao programa completo http://www.pazodacultura.org/media/Programa_Salon_do_libro_2016.pdf