A nova entrada ao campo de Pasarón abrirase a vindeira semana

53

Á espera de facer pequenos remates, a parcela de entrada a Pasarón poderá abrirse ao uso dos veciños ao longo da vindeira semana. Esta mañá o alcalde e o concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará visitaron os traballos de reurbanización xunto cos técnicos municipais e a empresa que executa a reforma: Ediserpo, por uns 200.000 euros.

A parcela quedou acondicionada cun espazo para estacionamento tanto en batería como en liña creando máis de 50 prazas que poderán ser empregadas polo barrio durante todos os días, agás os domingos de competición no campo de fútbol (dous días ao mes). No caso de competición, os espazos recuperados servirán para situar unidades móbiles dos medios de comunicación, servizos de emerxencia e outros usos propios do campo.

Os accesos son moi anchos para cumprir a normativa de seguridade necesaria no caso de instalacións destas características. O acceso farase dende a avenida da Coruña e a saída será pola rúa Luís Otero.

A obra tamén incluíu o acondicionamento dun paso estreito que une as gradas de Tribuna e Preferencia, que é moi empregado polos veciños do barrio tanto para ir aos oficios relixiosos na Igrexa de Santiaguiño, como para acceder ás distintas partes do campo. É esta parte a que está pendente de rematar, así como o pintado da sinalización horizontal e a colocación da sinalización vertical.

A actuación complétase con zonas axardinadas ao carón do campo e á beirarrúa da avenida da Coruña, na que co paso do tempo faranse camiños para permeabilizar a mobilidade entre os novos accesos ao campo e a rúa.

O alcalde amosouse satisfeito polo traballo e confía en que os veciños gocen deste espazo, que supón darlle unha entrada digna ao campo de Pasarón.