Pontevedra, unha transformación á medida dos nenos e as nenas

51

Pontevedra transformouse á medida dos nenos e nenas, dos maiores, da xente coa mobilidade reducida, á medidas das persoas. Unha experiencia recoñecida e premiada no mundo enteiro e que hoxe foi explicada pola tenente alcaldesa Carme da Silva no coloquio internacional “Crianças. Cidade e Cidadanía” que se está desenvolver en Guimaraes (Portugal).

Carme da Silva debateu sobre “Infancia e territorio” con María Manuel Oliveira, da Escola de Arquitectura da Universidade de Minho. O feito de que os máis dos nenos e mozos na actualidade viven nas cidades está detrás dun encontro organizado para pensar o papel que xogan o que deberían xogar os máis pequenos no planeamento urbano, na ordenación do territorio, no deseño dos espazos públicos.

“Pontevedra é unha cidade onde os nenos e as nenas son o presente” subliñou Carme da Silva quen contou que o proceso de “desautoxicación” das rúas de Pontevedra e a recuperación dos espazos públicos para uso das persoas traduciuse, entre otras cousas, na ocupación das prazas polos pequenos que fan delas espazos de xogo, accesíbeis e seguros.

A redución de coches no centro da cidade vencellada a peonalización, as medidas de calmado de tráfico e a ocupación dos espazos públicos pola veciñanza converten a Pontevedra nun modelo de mobilidade na que o peón é o protagonista absoluto, o peón de calquera idade. E neste escenario os nenos contan.

Nos dous días do coloquio internacional “Crianças. Cidade e Cidadanía” avaliaranse as relacións neno-cidade arredor dos seguintes eixos temáticos: Políticas urbanas, infancia e xuventude; modelos de intervención con nenos e mozos no espazo urbano; espazo, territorio, mobilidade e infancia; culturas da infancia e acción cultural na cidade; dereitos dos nenos e a vida na cidade e educación e cidade.

Guimaraes