A pavimentación dun extremo da praza do Hospital completa a reforma

45

As obras da praza do Hospital, dende esta semana aberta ao público, chegarán a vindeira semana ao seu remate cos asfaltados dos entronques da praza co cruzamento da rúa Cobián Areal. Unha vez que se completen esta obra de infraestrutura, colocarase o mobiliario urbano pendente: bancos e papeleiras.

A praza quedara pendente de facer un remate acaído neste extremo, polo que este luns acometerase esa pavimentación pendente. No caso do cruzamento con Cobián Areal e Xavier Puig, foi necesario facer un plan de tráfico específico que se porá en marcha a partir das 08.00 horas do luns, 21 de marzo.

A Policía Local pechará ao tráfico as rúas Cobián Areal e Xavier Puig a partir das 08.00 horas do luns. Está previsto que as obras teñan unha duración de un día polo que a Policía elaborou un plan de tráfico específico para garantir os servizos a todos os residentes deste ámbito.

Dende primeira hora do luns, prohíbese estacionar nas seguintes rúas:

• Xaquín Costa (entre Cobián Areal e Xosé Casal)

• Branco Porto, por mor dos cambios nos sentidos de circulación.

Co fin de garantir os acceso ao centro da cidade invertirase o sentido de circulación de Xaquín Costa na fachada do colexio Calasancias. Os vehículos procedentes de Uxío Novoneira poderá circular cara Xaquín Costa dirección saída de cidade, ou ben cara o centro por Xaquín Costa-Branco Porto ou Xaquín Costa-Xosé Casal.

O tráfico procedente de Xaquín Costa, procedente de Sagasta, será desviado cara a Branco Porto con saídas a Cruz Gallastegui ou Benito Corbal.