Vén inaugurar mañá a praza do Hospital!

105

O Concello de Pontevedra inaugura mañá pola tarde a nova Praza do Hospital. Será un acto aberto a todos os pontevedreses que se queiran achegar, e no que os nenos terán un especial protagonismo, como xa o están a ter nestes días co uso da praza como espazo de xogos.

Para esta inauguración está prevista unha festa infantil a cargo de Rivel Animación que arrancará ás 17.30 horas, e unha actuación musical a partir das 19.45 horas. Tamén está confirmada a intervención do alcalde a partir das 19.30 horas.

Cabe lembrar que con esta nova praza, Pontevedra gaña espazo para os peóns nunha zona moi urbanizada e con grande densidade de poboación, ademais de darlle unha entrada máis digna ao edificio do Hospital Provincial. É coñecido o interese do Concello en ampliar esta praza cos espazos axardinados do Hospital Provincial para o que xa están en marcha as negociacións bilaterais entre o Concello e o Sergas, e tamén o anuncio de ampliar a praza até a rúa Antón Fraguas.

O novo espazo de encontro dos veciños do barrio é unha praza de 1.200 metros cadrados, feita con plataforma única combinando formigón, granito e lousa. Cabe lembrar que a nova praza conta cun elemento innovador na súa creación: un formigón de alta resistencia que contribúe, activamente, a eliminar contaminantes á atmosfera. Estas lousas, de ton ocre, son altamente ecolóxicas xa que a súa composición incorpora materiais procedentes da reciclaxe, especialmente de sectores da construción e industrial.

A praza complétase con mobiliario urbano e árbores para crear espazos de sombra.

O custe da obra foi de 335.000 euros.