Salcedo rexeita a nova ordenanza de circulación que veta os lombos no rural

38

A veciñanza de Salcedo promoveu, a través da asociación Heroes do Campo da Porta, a convocatoria do Consello parroquial para que se lles informara, polo miúdo, sobre a modificación da ordenanza municipal reguladora da circulación nas vías municipais, aprobada polos partidos da oposición -PP, PSOE, En Marea e Ciudadanos- no Pleno e que se atopa en fase de exposición pública.

O concelleiro coordinador do Rural e delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez, informoulles sobre a regulamentación en trámite, unha modificación que imposibilita a instalación de redutores de velocidade (lombos) nas vías rurais. Se sae adiante nos termos propostos non poderán construírse novos lombos e os existentes haberá que retiralos. Proxectos en marcha como a reforma da contorna do núcleo de centralidade da parroquia terían que pararse.

Os representantes veciñais manifestaron o seu convencemento de que os pasos sobreelevados son “imprescindibles” en zonas escolares e puntos cun volume de afluencia de persoas importantes como centros culturais, deportivos, relixiosos, etc. e con un volume de vivendas significativo xa que a ausencia de beirarrúas fai que vehículos e persoas compartan espazo co risco que leva para os peóns.

Dende o Consello parroquial de Salcedo solicitarán ás federacións veciñais de Pontevedra que informen os seus membros e xestionen a recollida de alegacións. O prazo para presentalas remata o 15 de abril.