Memoria en rede, maiores e novas tecnoloxías

89

Memoria en rede é un proxecto que nace coa idea de conectar dous mundos que, en principio, non teñen nada que ver. Por unha banda o futuro e o presente no que estamos, coas novas tecnoloxías como eixo central e fío condutor e, por outra, a recuperación do que poderíamos chamar, entre comiñas, memoria. Memoria en sentido amplo: historias, lendas, vivencias, vidas…

Para acadar este obxectivo é necesario facer partícipes aos nosos maiores, persoas que non son nativos dixitais, que teñen estas tecnoloxías como algo, en principio, alleo e en moitas ocasións, que lles xera rexeitamento e aversión.

Este proxecto comezará en Mourente, mais é un modelo perfectamente extensible ao resto de parroquias e inclusive a centros sociais do eido urbano. As aulas darán comezo o vindeiro martes 12 de abril no Local Social de Cons e estenderanse durante 10 semanas, todos os martes e xoves, dende as 16.30 até as 19 horas.

Durante as primeiras semanas, aprenderán o manexo básico dun ordenador, a desenvolverse cun procesador de textos, cun escáner e cunha gravadora. No momento en que se atopen preparadas nestas competencias, poderán comezar a compartir con todas e todos nós o que desexen contarnos. Ben a través de fotografías das que dispoñan (por exemplo, fotografías antigas cunha historia detrás), ben contándonos tradicións dos seus lugares de procedencia, lendas… o que elas desexen.

Posteriormente, os contidos serán pendurados nun blog co enderezo                                           https:// memoriaenrede.pontevedra.gal onde todas e todos poderemos desfrutar del.

Para inscribirse é preciso chamar ao teléfono do concello 986 80 43 00 e premer a extension 7111, en horario de mañá. Aí, indicarán o nome e apelidos e o teléfono de contacto.

Memoria en rede quere deste xeito valorizar o que saben moitas persoas. En xeral, a xente maior sobre todo non é consciente de que son verdadeiras fontes de saber.

Memoria rede mouren_v2